200 escolares pasarán polas V Xornadas de Educación Vial

20180424_101646 copia

O Concello de Salceda, a través das Concellarías de Tráfico e Ensino, ven de poñer en marcha a quinta edición das Xornadas de Educación Vial, en colaboración coa DXT, que se iniciou hoxe martes 24 de abril. Tralo éxito acadado nas anteriores edicións, a experiencia volve a Salceda neste 2018. As xornadas están dirixidas aos escolares do municipio de 1º e 2º de Educación Primaria, que reciben formación teórica e práctica en materias de educación vial. Na parte teórica, que se celebrou o pasado venres,  ofrecéuselle ao alumnado unha sesión sobre os principais conceptos de seguridade infantil. Entre hoxe martes e mañá mércores os alumnos e as alumnas acceden a un circuito no que poñen en práctica os conceptos adquiridos na formación teórica. O circuito está dirixido polos membros da Policía Local de Salceda, que lles dan aos cativos as instruccións precisas para unha correcta circulación pola vía pública, tanto dende o punto de vista dos conductores, que o fan en bicicletas e monopatíns, como dos peóns.

Máis de 200 escolares pasarán polas xornadas, co obxectivo de concienciar, como unha importante vía para chegar aos pais e nais, en todo o relacionado coas boas prácticas nas vías públicas. Os nenos e nenas reciben ademáis agasallos conmemorativos do seu paso polas xornadas.

Jose Luis González, Concelleiro de Tráfico: “afrontamos esta proposta como unha iniciativa fundamental para a concienciación de pequenos e maiores. Moitas veces a frase que un neno lle diga ao seu pai ou á súa nai ten máis efecto que calquera campaña que se presente dirixida aos adultos. A prevención resulta fundamental para a disminución de accidentes nas estradas, e esta parécenos unha forma axeitada de facelo”.

Teresa Pérez, Concelleira de Ensino: “agradecemos a boa disposición do equipo directivo do CEP Altamira, e demais centros escolares, que acollen esta e outras iniciativas que lles prantexamos dende o Concello sempre coa mellor actitude de colaboración. Formar aos máis pequenos é garantía de que chegamos aos maiores”.

 

Gabinete de prensa, 24 de abril de 2018