100 novas prazas de aparcamento no casco urbano

O Concello de Salceda de Caselas acaba de abrir ó público unha nova área de aparcamento público na Rúa Rosalía de Castro que dará servizo á zona do CEP Altamira, CRA Raíña Aragonta,  Pavillón de Deportes e as novas pistas polideportivas de Altamira.

O espazo, de 2.000 metros cadrados, supón a creación de 100 novas prazas de aparcamento gratuito en pleno casco urbano. O proxecto levouse a cabo grazas á colaboración dos propietarios dos terreos que, en diálogo constante coas Concellarías de Tráfico e Vías e Obras, ceden o uso dos mesmos para a creación de prazas de aparcamento públicas.

Con este son xa 10 os aparcamentos esparcidos por todo o núcleo urbán en zonas comerciais e administrativas. Estas áreas resultan fundamentais para a axilización do tráfico e para seguir a conseguir unha maior calidade de vida na vila.

Jose Luis González, Concelleiro de Tráfico: “seguimos a ordenar o tráfico nun casco urbano castigado durante anos pola construccións descontrolada e as rúas estreitas. Damos un paso máis no noso obxectivo de conseguir unha vila sen atrancos nin restriccións”.

Marcos Besada, Alcalde de Salceda: “a colaboración da veciñanza resulta fundamental para seguir a poñer estes espazos a disposición de salcedenses e visitantes. Seguimos a mellorar a calidade de vida en Salceda, sen esquecernos en ningún momento da potenciación do comercio que se consegue con accións deste tipo”.

FOTO: Marcos Besada e Fortunato Álvarez visitan a nova zona de aparcamento

Gabinete de Prensa do Concello de Salceda, 17 de setembro de 2014